-----------------------------------------------------------------------------
DESCRICIÓN DA RUTA
Fermoso percorrido seguindo o derradeiro tramo do río Vexo ou Fervenzas, afluente do río Mandeo. Augas e rochas mestúranse dando lugar a un paseo rodeado de natureza e tranquilidade.
Os multiples muiños falan dun pasado no que home e río compartían vida, e xuntos pasaban ledicias e penas, festas e traballos.
O CONCELLO
Coirós é un Concello da Comarca das Mariñas de 32,9 Km2 e 1.600 habitantes.
Delimitado xeográficamente polos ríos Mandeo e Mendo, conta con lugares de excepcional beleza. Dúas destas paraxes destacan excepcionalmente; o lugar de Chelo, declarada Paisaxe Pintoresca e A Espenuca, miradoiro natural do paso do río Mandeo e de toda a zona das Mariñas.
Tamén é salientable o patrimonio cultural formado por varias igrexas románicas, unha delas con elementos góticos, as ruinas do Castelo da Mota, os petroglifos de Fonte do Oso e o Castro de Flores.
LUGARES DE INTERESE
O Concello de Coirós está bañado por dous ríos, o Mendo e o Mandeo, que transcurren por vales de extraordinaria beleza, cun terreo accidentado de frondosa vegetación. Os puntos máis altos atópanse no Pico da Felga, o monte do Gato e A Espenuca.
No río Mandeo hai paisaxes podense percorrer fermosas rutas de sendeirismo e atopar diversas zonas recreativas como as de O Mende, As Balsas, Xora e Chelo. No lugar de Chelo (declarado paisaxe pintoresco polo decreto 2646/1972 de 18 de agosto) hai un aula de interpretación da natureza na que nos poderán informar da riqueza floral e faunística do entorno e que ademais conta cunha exposición permanente denominada “Un río de vida”.
Tanto no río Mandeo como no Mendo pódese practica- la pesca deportiva de especies como troita ou salmón.
Un coto privado de caza abarca o Concello, onde se poderán observar especies como o xabarín, o corzo ou o Coello.